O día da Patria do 2013 será recordado para sempre por ser un dos máis tristes e duros que viviu o pobo galego. No serán do 24 de xullo acontecía unha das maiores catástrofes da nosa historia colectiva. En solidariedade, o nacionalismo galego suspendeu todos os actos reivindicativos do 25 de xullo. Isto non fixo que a data deixara de ser unha xornada de loita, pois a sociedade galega volveu amosar, máis unha vez, a súa solidariedade e heroicidade, contándose por centos as persoas que prestaron a súa axuda no propio lugar do sinistro ou as que encheron os centros de saúde e hospitais para doar sangue. Desde a Liga Estudantil Galega queremos amosar todo o noso apoio, respecto e solidariedade ás persoas afectadas por este triste acontecemento, así como sumarnos ao comunicado da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública e a Plataforma SOS Sanidade Pública sobre o acontecido co traslado de feridos.
Con todo, a tarde do 24 de xullo, antes de que todas as celebracións se detivesen polo accidente, o conxunto da mocidade galega independentista saiamos á rúa nunha histórica manifestación xuvenil unitaria para reclamar o noso dereito á sermos ceibes.
Desde a Liga Estudantil Galega consideramos esta manifestación todo un éxito e fito histórico, pois a unidade e traballo conxunto das oito organizacións xuvenís e estudantís independentistas do país conseguiu que este ano preto dun milleiro de mozas galegas percorresen as rúas de Compostela baixo un mesmo lema e tras unha única faixa. Coidamos que este é o camiño que o soberanismo galego debe seguir, un camiño de creación de espazos conxuntos, de unidade de acción e de colaboración de todos colectivos sociais, políticos, culturais, etc que traballamos cada día co obxectivo de conquistar a soberanía social e nacional do noso pobo.
Vídeo da manifestación: